Chegada de Policarpio ( o Meco )

Un mes denantes do Entroido pendurábase o Meco ( Policarpio), anunciando asi o Entroido, no lugar do Pinche ou no Cruceiro da Barreira para que o puidesen ver tódolos veciños e viandantes.Pra elo había previamente que buscar e talar o arbore mais alto que se puidera conseguir.
No pasado roubábase a un veciño, por mor diso facíase as agachadas e de noite, hoxendia faise de dia e con moita ledicia por un pequeno grupo de veciños, que se xuntan pra ires ao monte do Bixote e buscar un eucalipto duns doce metros de altura neste 2018.

 

Policarpio
Meco con corpo feito de palla e testa de madeira, cun pene grande ( un nabo) ao que se xuzga o mércores de cinsa no “Enterro do Entroido”.
A cabeza gardábase dun ano para outro e vestíano con diferentes traxe cada ano.
O nome de Policarpio, provén dun prestamista chamado asi antigamente en Betanzos. Era un home aposto que tiña sona de abusar en todo-los sensos da xente, sexual e financeiramente, cecais por iso, case sempre se facía mofa de el, é cando tocaban as campás a defunto, dicir cheos de ledicia: “morreu don Policarpio!”.

 

As Máscaras ou Bonitos
Bailan a Muiñeira Cruzada de Samede formada por doce parellas de mozos e mozas. Visten traxe tradicional.
As mulleres, blusa branca, mantón de Manila ou crespóns, saia vérmella de baeta, cinguideiro, mandil e chápeos enfeitados con plumas e fitas de cores.
Os homes, visten de branco, adornos de fitas de cores nas camisas, chápeos enfeitados con plumas e fitas de cores,ao cós unha faixa de cor.
Homes e mulleres levan unhas castañetas con fitas de cores.
Un dos Bonitos porta un pendón enfeitado con: rosquillas, caramelos, tabaco e ata unha botella de coñac, etc, e outro encargase de levar a Bandeira de Samede.
Probablemente representen o rexurdir da vida, a primaveira, a colleita, etc

Os Contrarios ou Vixigueiros

Persoaxes antagonistas dos Bonitos, caracterizase por levar mascara con cornos de papel maché ou tela con escaiola e cola de carpinteiro aínda que antes eran de fariña e auga e vernizado con clara de ovo, coas cores vérmella,negra e branca. Por guedellas unha pelica de animal ou anacos de saco ou tela.O traxe e un saco de café con pondons de la de cores.
Hoxendía levan colares de landras, castañas, millo, carrabouxos. Un cinto ou un corrión con chocas. Usan vixigas de vaca ou porco ( pra os cativos ) pra facer ruído i estrondo, e zorregarlle as persoas que non van vestidas de Entroido. As vixigas lévanse nas mans ou ben penduradas dun pao decorado con las. Os que van abrindo paso levan un pao con toxo e buguinas ou cornos pra anunciarse.
Probablemente señan os devanceiros Demos e Deuses Pagáns, representantes do caos, a morte, a natureza.

Os Carolos

Son dous persoaxes masculino e feminino, ela viste enaguas antigas brancas, mandil branco, un blusón branco e a cara tapada, un colar de tres voltas, feito de millo, un grao branco, un amarelo e un reino.El, pantalón branco e camisa branca.
Só se destapaban no remate do baile, porque o importante era que non se soubese quenes eran. As Máscaras xuntabanse para sair onda a Capela e nunca se sabía se iba haber Carolos ata que aparecían, por eso, non se sabía quen eran , pero o ir indo polas airas xa iban sospeitando de quen podía ser.q
En caso de que as parellas de Máscaras fosen impares, bailaba-se cós Carolos, a quen lle tocase bailar con eles era obxecto de burla por parte dos compañeiros.
Probabelmente representen o paso do tempo ou a vellez.

Liturxia do Entroido
Os Bonitos saen de Samede namentres que os Vixigueiros baixan do Castro de Samede con moito balbordo, percorren a estrada, bailando e morneando as chocas, anunciándose con buguinas e cornos e botando cinsa, borralla e palla . A cinsa e borralla e a morte pero tamén a vida posto que e fecundadora. O ciclo vital.
Os Vixigueiros dan paso aos Bonitos na sua teatralización, ademais de pra descansaren ( as chocas pesan … ) e a loita entre mal e ben, inverno e primaveira, morte e vida, etc.
Os Bonitos bailan e lanzan frores e follas namentres os Vixigueiros mornean as chocas.
Antigamente ibase polas casas pedindo comida ( chourizos, viño, filloas ).

Muiñeira Cruzada de Samede
Dirixían ó grupo un guía e un contraguía ós que tiñan que seguir no baile da muiñeira por toda-las airas da aldea. Se a aira era grande e se prestaba estendíanse o máximo posible par facer máis vistoso o baile. Nas airas bailábase o que chamaban “O punto” rematando na última aira cunha muñeira cruzada que duraba preto de dúas horas. Formaban colocándose por orden de chegada, dun lado os homes, a parella enfronte, e os Carolos no medio; o guía colocábase de primeiro coa súa parella enfronte, o contraguía de último. Hoxendia bailase en Samede.

 

Xuizo de Policarpio ( Enterro do Entroido )
Con esta letanía ían por toda-la aldea, nas casas dábanlles un vasiño de viño é o remate xa non sabían o que cantaban.
No Pinche preparaban un recinto pechado con cordas e adivais para celebrar o Enterro do Entroido.
No medio colocábase a cama onde se deitaba O Policarpio que perante todo o mes estivera pendurado. Debaixo da cama agochábase a persoa que falaría por voz do
Entroido, respondendo a tódalas preguntas que lle facían. Juan da Barreira e seu irmán Marcelino, foi un dos que estivo metido debaixo falando por voz do Entroido.
O Médico
O Policarpio poñíase a morrer, acudía o médico, case sempre se diagnosticaba apendicites e operabanno a vida ou morte sacándolle un nabo grande do seu corpo. A voz do Entroido berraba
e os pais choraban facendo un gran espectáculo. Como a enfermidade era mortal… o Medico, avisaba os Pais ( os Chorons ) , e istes ao Notario para que fixera testamento.
O Notario Repartía as leiras e casas dos veciños, de xeito que daba as propiedades dos probes aos ricos, e aos dos ricos aos probes.
O Cura.Era o intre da confesión, viñan os curas e confesábano seguindo os dez Mandamentos da Lei de Deus. Cando lle preguntaba se santificara as festas, respondía:
“Todiñas, dende a Santa Cruz de Aranga ata a Estación do Norte, non perdía unha!” Así con tódolos Mandamentos.
Os Choróns eran os pais do Entroido, iban chorando, pero choraban de verdade! Viña a xente dos arredores pa velos chorar do ben que o facían!
Rematada a confesión, aparecía a Morte Gadaña vestida de negro, dando reviravoltas, viña de lonxe, subíase a unha escada altísima e unha vez no cume afiaba a gadaña. Baixaba coma un raio e esmendrellaba o Entroido para logo irse por onde viñera.
Chega o momento do Xuízo Final, Anxos e Demos loitaban pola alma do defunto.
Os demos representaban o inferno, tiñan unha cova de loureiros, cun furado para entrar e saír.
Facían un pachuzo de palla, poñíanlle lume, arrimábanllo aos loureiros e ruxía!
Aquelo….mentres que ruxía… viña un cós cornos, daba a volta arredor do entroido e os pais aínda choraban máis!
As Cesteiras Neste intre aparecían as “cesteiras” coa comida para repoñer forzas. Estas mulleres ían coas cestas cargadas de comida semellante de como se facían naquel intre os enterros en Vigo.
Os Gaiteiros amenizaban o Entroido.
Os Carreteiros engalanaban os carros con acacias e loureiros, normalmente iban dous carros levando dous curas en cada carro, percorrían a aldea cantando:
-Luns , martes e mércores tres! Dicían os do primeiro carro. -Xoves, venres e sábado seis! Respondían os do segundo. -E domingo sete. Burra! Decían todos.

Queima do Meco

Vixigueiro de Honra

Niste ano 2018 recobramos os Vixigueiros de Samede e tamén instituímos o recoñecemento de Vixigueiro de Honra adicado aos persoeiros que contribuan a recuperación e mantemento da Cultura Tradicional Galega.

E como non pode ser doutro xeito pra tal recoñecemento outorgamos a: Vixiga de Honra de Samede a …?

Significados
O Entroido de hoxendia os diversos ritos superpoñense en estratos, misturanse e crúzanse ( animistas, panteístas, pagáns, cristiáns ).
As encrucilladas, outeiros montes, fontes, covas, pozos, rios, lagoas son Portas do Além, do Inferno, o Hades,
As Mascaras poden ser benignas, malignas ou ambivalentes ( as veces positivas as veces negativas ).
Símbolos mixtos: borralla, palla, lama, etc, son bos e malos, posto que unha vez foron vivos e dan lugar a vida.

Eres benvido, sempre e cando veñas vestido de Entroido Rural Tradicional.

Participación e Respecto

Fabricación dos Traxes de Entroido na casa a ser posíbel con elementos tradicionais e naturais

Vale; Roupa vella, mascaras feitas na casa,etc.

Non vale: Disfraces chineses, plasticallos,etc.