Entroido de Samede

"Sempre houbo mellor Entroido en Samede que en ningún sitio!"

Page 2 of 3

MARUJA DE XACOBE

“A vida non é o que un vivíu, senón o que un lembra e como o lembra para contalo”
(GABRIEL GARCÍA MARQUEZ)

Cada vez que alguén da nosa comunidade falece, unha parte da nosa historia tamén se perde. Por iso é tan importante recuperar as historias que teñen os nosos petrucios para contarnos, porque, quen non coñece a súa aldea de orixe, xamáis atopará a aldea que busca.
Hoxe, a nosa publicación vai adicada a celebrar a vida de “Maruja de Xacobe” que onte, faleceu. Deixounos unha gran pegada por todo o que aportou para recuperar o Entroido, e coa súa historia, permanecerá na nosa memoria para sempre.

-Eu fun de “Carolo” con Manolo de Culasa (en paz estea). Os Carolos ían no medio. Eu, vouche contar como fun vestida e como ía Manolo: levei unhas enaguas antigas brancas, un blusón branco e a cara tapada. Ninguén sabía quen eran os Carolos ata que se acababa a muiñeira. Levei un colar de tres voltas, feito de mainzo, un grao branco, un amarelo e un reino.
– Sabes como eran ? Bueno, pois levei un colar de tres voltas, fixémolo “Maruja de Culasa” máis eu.
-Fixémolo colar! Argallámolo!
-Fomos vestidos así: mandil branco e todo de branco. Manolo: un pantalón branco e camisa branca. Bueno muller… ai Deus! Aínda recordo cando chegamos a Donín… porque ían as máscaras a Donín! Cando chegamos a Donín, facía sol, máis saraibaba! Que me acordo, siiii…veu un chaparrón, unha negrura e un chaparrón de saraiba, pero abreu o sol e bueno…. pasámolo bomba muller!

“A boa xente convertese en estrela que ilumina a quenes camiñamos detrás”. D.E.P.

Cartaz e programa de Entroido 2018

Cartaz Entroido de Samede 2018

Cartaz Entroido Samede 2018  pdf 16.5mb

Pasquín Entroido de Samede 2018

Estamos a Recuperar un Entroido Rural Tradicional no

Lugar de Samede Parroquia de San Xiao de Vigo Concello de Paderne Bisbarra de Betanzos A Coruña Galicia

Veñas de onde veñas es moi benvido a PARTICIPAR

30-12-2017 10:00 Bar Beade

Obradoiro de Entroido 1

( materiais, máscara, traxe, enxoval )

07-01-2018 10:00 Bar Beade

Obradoiro de Entroido 2

( materiais, máscara, traxe, enxoval )

11-01-2018 10:00

Chegada de Policarpio

14-01-2018 10:00 Bar Beade

Obradoiro de Entroido 3

( materiais, máscara, traxe, enxoval )

Entroido Pequeno

11-02-2018 12:00 Ermida de Samede

12:00 Baixada dos Vixigueiros e Besta

Entroido Farrapeiro

13-02-2018 16:00 Ermida de Samede

16:00 Baixada dos Vixigueiros e Besta dende o Castro de Samede

Entroido Grande

18-02-2018 12:00 Ermida de Samede

12:00 Baixada dos Vixigueiros e Besta dende o Castro de Samede

13:00 Muiñeira Cruzada de Samede.

16:00 Xuízo de Policarpio.

 

Materiais para os Obradoiros de Entroido:

Xornais vellos, cola carpinteiro, escaiola, pintura negra, vermella, branca, fitas e lás de cores, plumas, graos de millo, landras,carrabouxos, cunchas, chiles, sacos café ou patacas, corda esparto, sisal ou similar, sedal, codia bidueiro ou similar, binchas de porco ou vaca.

Ferramentas:

Pinceis, botellas plástico, xornais, tesoira.

Ven e Participa !!!

Eres benvido, sempre e cando veñas vestido de Entroido Rural Tradicional.

Participación e Respecto

Fabricación dos Traxes de Entroido na casa a ser posíbel con elementos tradicionais e naturais

Vale; Roupa vella, mascaras feitas na casa…

Non vale: Disfraces chineses, plasticallos…

 

Obradoiro de Mascaras de Vixigueiro

Mascaras de Vexigueiro de Samede Tipo Otero de Luis Otero

Mascaras de Vixigueiro de Samede Tipo Candelas de Diaño Cichol

Pedro G. Losada

por Pedro G. Losada

por Pedro G. Losada

Mascaras de Vixigueiro de Samede Tipo Cichol de Diaño Cichol

Mascaras de Vixigueiro de Samede Tipo Bimbio de Fernando Yañez

Mascaras de Vixigueiro de Samede Tipo Aturuxuradora de Miluca da Moreira

Mascaras de Vixigueiro de Samede Tipo Barrulleira de Miluca da Moreira

Moitas grazas a Mercedes Cachaza pola xerosa hospitalidade e calor humán

Materiais para os Obradoiros de Entroido:

Paciencia e Traballo !!!

Xornais vellos, cola carpinteiro, escaiola, pintura negra, vermella, branca, fitas e lás de cores, plumas, graos de millo, landras,carrabouxos, cunchas, chiles, sacos café ou patacas, corda esparto, sisal ou similar, sedal, codia bidueiro ou similar, binchas de porco ou vaca.

Traballo e Paciencia!!!

Ferramentas:

Pinceis, botellas plástico, xornais, tesoira.

Eres benvido, sempre e cando veñas vestido de Entroido Rural Tradicional

Participación e Respecto

Fabricación dos Traxes de Entroido na casa a ser posíbel con elementos tradicionais e naturais

Vale: roupa vella, mascaras feitas na casa…

Non vale: disfraces chineses, plasticallos…

 

Mascarada Ibérica 2018

 

Vixigueira de Samede, Peliqueiro de Santiago de Arriba, Diablo de Luzón, Peliqueiro de Santiago de Arriba

Vixigueira de Samede

Vixigueiros de Samede

Pantalla de Xinzo da Limia e Vixigueira de Samede

Chegou o Policarpio


Un mes antes do Entroido os mozos da aldea xuntábanse para saír de noite a roubar un pino ou un eucalipto o máis grande posible para colgar nel ao Policarpio. Todos lembran ese momento con moita ledicia polo ben que o pasaban.

Nós hoxe xa non temos necesidade de ir roubar o eucalipto a ninguén, tampouco somos moitos para facelo, pero aínda así xuntámonos un pequeno grupiño de vecinos cheos de ilusión para manter viva esa tradición e ires buscar o pao dónde máis tarde colgaríamos ao meco do Policarpio.

Este é un ano especial xa que grazas á colaboración desinteresada de Luis Otero. Fixo un gran esforzo e traballou a reo para facer a cabeza do Policarpio, de madeira tallada, semellante á que se lle poñía antigamente.

Hoxe era xusto o día de colgalo enriba do eucalipto de 12 metros que trouxemos dun monte de José Antonio. Pola mañá Javier e Tucho adicáronse a facer o burato coa pala dun tractor, e máis a man, na leira de Francisco de Calaza. Elixiramos esta leira porque é onde todo o mundo ten posibilidade de velo alí colgadiño.

Xa pola tarde xuntámonos na leira para rematar de vestilo Policarpio, amarralo ao eucalipto e subilo ao máis alto.

Non foi tarefa doada, pois ademais da altura do pao, o considerable peso do meco dificultou o chollo, mais entre todos fomos quen de plantalo, non sen unha boa cantidade de risas de por medio. A xente pasaba nos coches e paraban a admirar ó Policarpio, quen por certo, está ben documentado…

Unha vez conseguido o obxectivo quixemos darlle unha derradeira estocada o día botándolle uns foguetes para anunciarlle a toda a aldea que comenzou o Entroido.

Dámoslle un agradecemento especial á Pirotecnia Rocha-Areas pola súa colaboración.

LUMEEEEE!!!!!

Eres benvido, sempre e cando veñas vestido de Entroido Rural Tradicional.

Participación e Respecto

Fabricación dos Traxes de Entroido na casa a ser posíbel con elementos tradicionais e naturais

Vale; Roupa vella, mascaras feitas na casa,etc.

Non vale: Disfraces chineses, plasticallos,etc.

 

Orixe do Entroido de Samede

Pedro de Cal de Esperela aportounos as primeiras lembranzas sobor do Entroido de Paderne, cando el viña de festa á casa de Domingo Golpe, un home nado no ano 1910, que finou en 1937 á idade de 27 anos.
Antes da Guerra Civil, na casa de Golpe, en Samede, xa se vestían para saír de máscaras, Domingo ía de parella con Francisca do Vión. Fora nomeado sarxento no Exército e, segundo informou un soldado que estivo recomendado con el, morreu na guerra, sendo soterrado nun cemiterio en Teruel.
Durante os anos que durou a Guerra suspendeuse a festa, volvendo a recuperarse ao redor do ano 1944.

Pedro de Maceira conserva unha corneta militar que mercara seu pai no baratillo que se poñía por detrás do Liceo en Betanzos.
Foi comprada no ano 1940, cando Pedro tiña 7 anos. Aquela corneta era usada pola Comisión para anuncialo Entroido.
Antonio de Purriños era un dos que mellor a tocaba, xa que estivera no Exército e sabía facelo (que che tiña o seu aquel). Non todo o mundo sabía.
Con ela tamén podía saber a xente que viña de lonxe por onde andaba a comitiva, xa que percorrían toda a aldea, incluído Donín.
O día das Máscaras case sempre eran os Contrarios os que tocaban a corneta para quitárllela a xente coas Máscaras.
O día do Enterro do Entroido tocábase antes de dar comenzo o espectáculo.
Foi unha sorte que Pedro a conservase e nos permitise usala de novo, despois de tantos anos.


En Samede, o San Xulián (patrón da parroquia) e o Entroido, eran as festas principais.
Organizábanas os mozos que acababan de cumprir o servizo militar no ano anterior.
Despois da Guerra, licenciaran aos da quinta do 42; meu pai, Jose de Calaza e outros mozos da aldea tocoulles volver recuperala festa.
O Entroido era unha festa moi leda, que desfrutaban moito os veciños de todas as idades.
Durante todo o ano preparábanse ás agachadas os uns dos outros. Xuntábanse nunha bodega na casa de Purriños e alí era onde se argallaba todo.
Durante catro días, de domingo a mércores, esta pequena aldea do Concello de Paderne enchíase de xente das aldeas estremeiras.
Os días do Entroido só se traballaba polas mañás nas labores do campo: sachar o trigo e collela herba para as vacas eran as tarefas principais. A tarde adicábase o Entroido.
-Sempre houbo mellor Entroido en Samede que en ningún sitio! Viña xente de Ambroa, Cela, Mantaras, Coruxou…
-Pero se… se polo Entroido aquí! É un sitio pequeno quero dicir eu… que era unha aldea, pero xuntábase xente… Madre de Deus!
O domingo era o día máis cativeiro! O luns, era o día das mascaras! Hai o luns!
O martes igual que o domingo e despois o mércores era o día do enterro que era xaaa… Había xente, mecago en dez!
Había xente que viña só por ver o tío Juanito e mailo cuñado. Facíano tan ben que o que non os coñecera pensaba que choraban de verdá! Facíano tan ben, tan ben…
No ano 1955 foran vicarios: Antonio da Longra, Pedro de Maceira, Jose Juan de Gómez, Pepe dos Carballos…
– E mira ti… quedamos vivos dous sós! e eramos un lote deles!
Esta entrada vai adicada a dúas marabillosas persoas que faleceron recentemente e que nos deixaron fermosas historias, desas que o escoitalas, fante viaxar ata o recuncho máis pequeno e segredo do noso Entroido. GRAZAS


Acompañaban ao grupo das Máscaras, un home que levaba o ramo ou estandarte; Benito de Sánchez foi que o fixo moitos anos, aínda se lembraba a facelo. Quen o levara tiña que correr cos gastos, xa que lle poñían: rosquillas, tabaco, unha botella de coñac… Adornábano moito! O home encargado do ramo ía vestido de branco, igual que o que levaba a bandeira nacional.
Antonio tamén foi unha vez co ramo ou estandarte, pero gustáballe máis ir de Carolo ou cos Vixigueiros, que o pasaba mellor.
– Bueno muller… Ai Deus!
O traxe tíñao na casa: pantalón e camisa branca da marina, a faixa era como lle cadraba.
-Eu, levaba unha bufanda!
Entón ti sempre fuches co ramo, nunca de Vixigueiro?
-Pouco me gustaba ir a mín de… Farandulo!
A min gustábame máis escoitalos, porque había moi boa xente! Ánxel da Pena, meu pai, Cidro da Longra, Andrés de Maceira bueno, ían todos…
Ramón de Golpe e de aí xa non había tantos, despois dos rapaces novos Vicente da Pena era moi bo e Antonio do Vión… idem dos tres cuartos.
Despois había varios rapaces máis, pero non tan firmes coma eses.


Isabel da Pena
-Has vir con nós, has vir con nós e has vir con nós!
-Home non vou! Eu non sei… tería 10 ou 11 anos… por aí tería! Puxéronme un pantalón curto, non sei de quen era…
-Ti vés de somnámbula!
-Ti mira o que argallaban! Eu ía para adiviñar! A cousa que che digamos sempre da segunda ves é a verdadeira…. daquela eu adiviñaba sempre!
-Eu iso… o do carajo do Paco de Moreira…. ven, ven e ven… E meu pai e máis miña nai….
-Vai muller vai, vai! Co vai muller vai… miña madriña tamén lles axudaba, a nai de miña nai, e fun! Despois eu faltábame de rir! A xente xuntábase derredor, porque que a mín levábanme onde sentarme!
Pasouse moi ben! En Samede practicamente vivíase iso todo!
Quixéronme levar de máscara… daquela debía ter 17 ou 18 anos, por aí. Antonio de Calaza pelexou o demo… non fun!
– Meus pais bailaban a muiñeira cruzada, eran moi novos… terían corenta e… corenta e algo tíñanos cando me casei eu! Daquela traballaban coma burros!
Levaban unhas saias coma visos, algunhas eran de baeta, como lles chamaban… algunhas eran negras tamén! pero outras eran… non me acordo como lles chamaban! Téñolles feito eu, teño feito… que abrigaban moito. Téñolles feito saias, corpos coma visos, con ondas por baixo.

Antigo Antroido de Samede

 

Carros engalanados para o Entroido

 

 

Documentación Entroidos

Microdicionario Antroideiro

Máscara, mazcara Latin mascus, masca (pantasma) Arabe مَسْخَرَة  maçjara, maskharah (bufón, paiaso, home con máscara).

Pelica, pilica Latin Pellis (pel)  /   Peliqueiros Castelán Piel, pelliza, pellizeros, pellejero, peletero.

Chocas, chocallos Latin cloca ( campá )   /  Choqueiros Castelán cencerros.

Vixiga, Vexiga, Bincha Latin vexica (vexiga)   /  Vixigueiros, bixigueiros, bincheiros Castelán vejigueros Inglés carnival bladders Francés vessies de carnaval Alemán blasen

Usábanse e úsanse agarradas coas mans ou penduradas dun pao (unha, dúas e ata tres ou máis), ou como caroutas.

Santo Antroido Castelán San Antroido

Vestirse de Antroido, porse o traxe de Antroido Castelán ponerse el traje de Antroido

Morneár as chocas Mobelas chocas Castelán bornear, mover cencerros.

Significados: morte, inverno, ruído, fariña, borralla, palla, vellos, pasado.

Significados: vida, primavera, música, flores, cores, mocidade, futuro.

 

Entroidos Irmáns de Samede (Vixigueiros ou Bincheiros)

Aínda que as vexigas, vixigas ou binchas usábanse acotío en moitos Entroidos fóronse perdendo ( ainda queda constancia en Vilagarcía de Arousa, Pontevedra, Terra Chá ). Usánse coas mans, penduradas dun pao ( o tirso ) ou ben como caroutas.
Bogiganga
Pantallas de Xinzo da Limia, con binchas de porcos ou vacas.
Centulos ou choqueiros de Redondela, con binchas penduradas nun tirso.
Zarromaco Santander
Zangarrón, de Sanzoles del Vino Zamora.
Antruejo, de Llamas de la Ribera León.
Kilikis, coas botanas (binchas) de Tafalla Navarra.
Zako Zar, coas pizontziak (binchas) de Lesaka Navarra.
Los Buches, con binchas de grandes peixes, en Lanzarote.
Blancs-Moussis, Association Space et bien-être de Vieux-Reng Bélxica.
Schuttige, de Elzach Alemania
Diablo Cojuelo, con bimbas (vixigas) de República Dominicana.
Vejigantes, de Puerto Rico.

 

Entroidos de Europa

Charles Fréger

Vigo O Merdeiro

PortugalCaretos de Podence

Asturias

Zamora

León

Cantabria

Euskadi

Italia

Suíza

Cerdeña

Eslovenia

Bulgaria

Croacia

Irlanda

Hungria

Macedonia

Polonia

http://www.mascaradaiberica.com

http://tokitan.tv/carnavales-tradicionales-europa-ancestrales-rurales
https://en.wikipedia.org/wiki/Category:European_legendary_creatures
https://de.wikipedia.org/wiki/Kategorie:Deutsche_Sagengestalt

Para Novos Entroidos Urbans

Máscaras de reciclaxe

Pra os Cativos

Os Bolechas Entroido

Festivais e Mascaradas

Mascarada Iberica, Viana do Bolo, Vilariño de Conso.
Festival de La Mascara, en Zamora.
Mascararte Bienal da Mascara, en Braganza.
Festival Internacional de Kukeri Starchevata Razlog, en Bulgaria.

 

Museos do Entroido

Antroidos de Galicia

MUSEO GALEGO DO ENTROIDO, en  Xinzo de Limia.

MUSEO DO POBO GALEGO, en Santiago de Compostela.

CENTRO INTERPRETATIVO DA MASCARA IBERICA, en Lazarim (Portugal).

ACADEMIA IBERICA DA MASCARA

MUZEUL NATIONAL AL TÂRANULUI ROMÂN, de Bucarest (Romanía).

INTERNATIONAL MUSEUM VAN HET CARNAVAL EN HET MASKER, en Binch (Bélxica).

 

Bibliografia

O Policarpio. Memoria de Samede, de Emi Cagiao “Miluca da Moreira”.
El antroido en las Marinas dos Condes, de Jose Raimundo Nuñez Lendoiro.
Entruidos e mascaradas na Galiza, de Oscar Sotelo (Editorial Semente).
O Carnaval en Galicia, de Federico Cocho de Juan (Editorial Xerais).
Festas populares de Galicia, de Felipe Senén López Gómez (Baía Edicións).
O Entroido ou os praceres da carne Xosé Ramón Mariño Ferro Edicións do Castro
Seres galegos das augas: mitoloxía comparada, de Xoán Xosé Teijeiro Rey (Editorial Toxosoutos).
Diccionario de seres miticos galegos, de  Xoán R. Cuba,  Xosé Miranda, Antonio Reigosa e Lázaro Enríquez (Edicións Xerais).
Choqueiros. Breve crónica histórica do carnaval coruñés. pdf 5MB Xosé Alfeirán Ed. Concello da Coruña
El carnaval, de Julio Caro Baroja (Alianza Editorial).
Mascara Iberica, de Helder Ferreira e Bernardo Calvo.
El carnaval en Europa, de José Luis Sánchez (Miraguano Ediciones).
Rituais com mascara, de Helder Ferreira e Elisa Martins Alves (Editorial Progestur).
Actas das Xornadas sobre o Entroido de Galiza (Editorial Sociedade Antropolóxica Galega).

 

antroido, entroido, antroxo, antruido, antrollo, tradicional, ancestral, samede, paderne, a coruña, muiñeira cruzada, bonitos, contrarios, vixigueiros, carnival bladders, vessies de carnaval,
pantallas de xinzo da limia, peliqueiros de laza, felos de maceda, boteiros de viana do bolo, mazcaras de maceda, choqueiros, cigarróns de verin, xerais do ulla, charrúas de allariz, madamas e galáns de cobres, vergalleiros, murrieiros, troteiros de bande, bonitas de sande, damas e galáns, momadas de cotobade ,gamachiños e zaralleiros das mariñas, madamitas e madamitos, centulos de redondela, vellarróns, mecos, volantes, oso de salcedo, merdeiro de vigo , irrio de castro caldelas,os maranfallos de burbia  , carantoñas de aceuche ,krampus, busos, surovichkare, busójárás, pohod bušara, survakari, arapides, dziady macinulla, dziady smigustne, chriapa, zezengorri, juan tramposos, momotxorros, zarramacos, zamarron, trapajones de silio, caretos de ousilao, caretos de lazarim, reisigbaren, dondolasi, zvoncari, manastira humorului, nuuti pukki, armagh, fijadora, morena, carochos, zangarrones, jurrus, atenazador de san vicente de la cabeza, diablos de luzón…

O Diaño Cichol 2018

Máscaras e Liturxia do Entroido de Samede

Chegada de Policarpio ( o Meco )

Un mes denantes do Entroido pendurábase o Meco ( Policarpio), anunciando asi o Entroido, no lugar do Pinche ou no Cruceiro da Barreira para que o puidesen ver tódolos veciños e viandantes.Pra elo había previamente que buscar e talar o arbore mais alto que se puidera conseguir.
No pasado roubábase a un veciño, por mor diso facíase as agachadas e de noite, hoxendia faise de dia e con moita ledicia por un pequeno grupo de veciños, que se xuntan pra ires ao monte do Bixote e buscar un eucalipto duns doce metros de altura neste 2018.

 

Policarpio
Meco con corpo feito de palla e testa de madeira, cun pene grande ( un nabo) ao que se xuzga o mércores de cinsa no “Enterro do Entroido”.
A cabeza gardábase dun ano para outro e vestíano con diferentes traxe cada ano.
O nome de Policarpio, provén dun prestamista chamado asi antigamente en Betanzos. Era un home aposto que tiña sona de abusar en todo-los sensos da xente, sexual e financeiramente, cecais por iso, case sempre se facía mofa de el, é cando tocaban as campás a defunto, dicir cheos de ledicia: “morreu don Policarpio!”.

 

As Máscaras ou Bonitos
Bailan a Muiñeira Cruzada de Samede formada por doce parellas de mozos e mozas. Visten traxe tradicional.
As mulleres, blusa branca, mantón de Manila ou crespóns, saia vérmella de baeta, cinguideiro, mandil e chápeos enfeitados con plumas e fitas de cores.
Os homes, visten de branco, adornos de fitas de cores nas camisas, chápeos enfeitados con plumas e fitas de cores,ao cós unha faixa de cor.
Homes e mulleres levan unhas castañetas con fitas de cores.
Un dos Bonitos porta un pendón enfeitado con: rosquillas, caramelos, tabaco e ata unha botella de coñac, etc, e outro encargase de levar a Bandeira de Samede.
Probablemente representen o rexurdir da vida, a primaveira, a colleita, etc

 

Os Contrarios ou Vixigueiros

Persoaxes antagonistas dos Bonitos, caracterizase por levar mascara con cornos de papel maché ou tela con escaiola e cola de carpinteiro aínda que antes eran de fariña e auga e vernizado con clara de ovo, coas cores vérmella,negra e branca. Por guedellas unha pelica de animal ou anacos de saco ou tela.O traxe e un saco de café con pondons de la de cores.
Hoxendía levan colares de landras, castañas, millo, carrabouxos. Un cinto ou un corrión con chocas. Usan vixigas de vaca ou porco ( pra os cativos ) pra facer ruído i estrondo, e zorregarlle as persoas que non van vestidas de Entroido. As vixigas lévanse nas mans ou ben penduradas dun pao decorado con las. Os que van abrindo paso levan un pao con toxo e buguinas ou cornos pra anunciarse.
Probablemente señan os devanceiros Demos e Deuses Pagáns, representantes do caos, a morte, a natureza.

Eucaristía Vixigueira
Grazas a Terra. Lumeeee.
Grazas ao Sol. Lumeeee.
Grazas aos Devanceiros que nos dan a vida. Lumeeee.

Ritual:O Vixigueiro Vedraño pronuncia istas verbas botando cunha man unha presa de borralla e con outra un vaso de augardente a Terra.
Despois procede a beber un grolo e oferta a bebida a todo-los Vixigueiros , danse apertas e sáese a mornea-las chocas , choutando polo pobo e zorregando as binchas.

Oito, face-lo oito e zorregar.
Troula, choutar e face-lo tolo.
Chocas, mornea-las chocas.
Binchas, binchas arriba co tirso.

Os Carolos

Son dous persoaxes masculino e feminino, ela viste enaguas antigas brancas, mandil branco, un blusón branco e a cara tapada, un colar de tres voltas, feito de millo, un grao branco, un amarelo e un reino.El, pantalón branco e camisa branca.
Só se destapaban no remate do baile, porque o importante era que non se soubese quenes eran. As Máscaras xuntabanse para sair onda a Capela e nunca se sabía se iba haber Carolos ata que aparecían, por eso, non se sabía quen eran , pero o ir indo polas airas xa iban sospeitando de quen podía ser.q
En caso de que as parellas de Máscaras fosen impares, bailaba-se cós Carolos, a quen lle tocase bailar con eles era obxecto de burla por parte dos compañeiros.
Probabelmente representen o paso do tempo ou a vellez.

Liturxia do Entroido
Os Bonitos saen de Samede namentres que os Vixigueiros baixan do Castro de Samede con moito balbordo, percorren a estrada, bailando e morneando as chocas, anunciándose con buguinas e cornos e botando cinsa, borralla e palla . A cinsa e borralla e a morte pero tamén a vida posto que e fecundadora. O ciclo vital.
Os Vixigueiros dan paso aos Bonitos na sua teatralización, ademais de pra descansaren ( as chocas pesan … ) e a loita entre mal e ben, inverno e primaveira, morte e vida, etc.
Os Bonitos bailan e lanzan frores e follas namentres os Vixigueiros mornean as chocas.
Antigamente ibase polas casas pedindo comida ( chourizos, viño, filloas ).

 

Muiñeira Cruzada de Samede
Dirixían ó grupo un guía e un contraguía ós que tiñan que seguir no baile da muiñeira por toda-las airas da aldea. Se a aira era grande e se prestaba estendíanse o máximo posible par facer máis vistoso o baile. Nas airas bailábase o que chamaban “O punto” rematando na última aira cunha muñeira cruzada que duraba preto de dúas horas. Formaban colocándose por orden de chegada, dun lado os homes, a parella enfronte, e os Carolos no medio; o guía colocábase de primeiro coa súa parella enfronte, o contraguía de último. Hoxendia bailase en Samede.

 

Xuizo de Policarpio ( Enterro do Entroido )
Con esta letanía ían por toda-la aldea, nas casas dábanlles un vasiño de viño é o remate xa non sabían o que cantaban.
No Pinche preparaban un recinto pechado con cordas e adivais para celebrar o Enterro do Entroido.
No medio colocábase a cama onde se deitaba O Policarpio que perante todo o mes estivera pendurado. Debaixo da cama agochábase a persoa que falaría por voz do
Entroido, respondendo a tódalas preguntas que lle facían. Juan da Barreira e seu irmán Marcelino, foi un dos que estivo metido debaixo falando por voz do Entroido.
O Médico
O Policarpio poñíase a morrer, acudía o médico, case sempre se diagnosticaba apendicites e operabanno a vida ou morte sacándolle un nabo grande do seu corpo. A voz do Entroido berraba
e os pais choraban facendo un gran espectáculo. Como a enfermidade era mortal… o Medico, avisaba os Pais ( os Chorons ) , e istes ao Notario para que fixera testamento.
O Notario Repartía as leiras e casas dos veciños, de xeito que daba as propiedades dos probes aos ricos, e aos dos ricos aos probes.
O Cura.Era o intre da confesión, viñan os curas e confesábano seguindo os dez Mandamentos da Lei de Deus. Cando lle preguntaba se santificara as festas, respondía:
“Todiñas, dende a Santa Cruz de Aranga ata a Estación do Norte, non perdía unha!” Así con tódolos Mandamentos.
Os Choróns eran os pais do Entroido, iban chorando, pero choraban de verdade! Viña a xente dos arredores pa velos chorar do ben que o facían!
Rematada a confesión, aparecía a Morte Gadaña vestida de negro, dando reviravoltas, viña de lonxe, subíase a unha escada altísima e unha vez no cume afiaba a gadaña. Baixaba coma un raio e esmendrellaba o Entroido para logo irse por onde viñera.
Chega o momento do Xuízo Final, Anxos e Demos loitaban pola alma do defunto.
Os demos representaban o inferno, tiñan unha cova de loureiros, cun furado para entrar e saír.
Facían un pachuzo de palla, poñíanlle lume, arrimábanllo aos loureiros e ruxía!
Aquelo….mentres que ruxía… viña un cós cornos, daba a volta arredor do entroido e os pais aínda choraban máis!
As Cesteiras Neste intre aparecían as “cesteiras” coa comida para repoñer forzas. Estas mulleres ían coas cestas cargadas de comida semellante de como se facían naquel intre os enterros en Vigo.
Os Gaiteiros amenizaban o Entroido.
Os Carreteiros engalanaban os carros con acacias e loureiros, normalmente iban dous carros levando dous curas en cada carro, percorrían a aldea cantando:
-Luns , martes e mércores tres! Dicían os do primeiro carro. -Xoves, venres e sábado seis! Respondían os do segundo. -E domingo sete. Burra! Decían todos.

Queima do Meco

Vixigueiro de Honra

Niste ano 2018 recobramos os Vixigueiros de Samede e tamén instituímos o recoñecemento de Vixigueiro de Honra adicado aos persoeiros que contribuan a recuperación e mantemento da Cultura Tradicional Galega.

E como non pode ser doutro xeito pra tal recoñecemento outorgamos a: Vixiga de Honra de Samede a …?

Significados
O Entroido de hoxendia os diversos ritos superpoñense en estratos, misturanse e crúzanse ( animistas, panteístas, pagáns, cristiáns ).
As encrucilladas, outeiros montes, fontes, covas, pozos, rios, lagoas son Portas do Além, do Inferno, o Hades,
As Mascaras poden ser benignas, malignas ou ambivalentes ( as veces positivas as veces negativas ).
Símbolos mixtos: borralla, palla, lama, etc, son bos e malos, posto que unha vez foron vivos e dan lugar a vida.

 

Eres benvido, sempre e cando veñas vestido de Entroido Rural Enxebre.

Participación e Respecto

Fabricación dos Traxes de Entroido na casa a ser posíbel con elementos tradicionais e naturais

Vale; Roupa vella, mascaras feitas na casa,etc.

Non vale: Disfraces chineses, plasticallos,etc.

 

Vixigas, chocas e sacos

As Vixigas
En Samede dende sempre empregouse a verba “Vixigueiro” para referirse aos que se disfrazaban de Contrarios.

No pasado as levaban agarradas da man, penduradas nun pao ou ben como caroutas.

O día un de xaneiro de 2018, a Asociación do Entroido comedou o ano preparando as vexigas coa axuda de Marisa e Genaro, que con moito entusiasmo colaboran na preparación desta cita.
As vinchas deben meterse en auga quente para que inchen mellor, logo, cun pequeno compresor agrándanse  moi de vagar.
Pode aproveitarse xa inchadas para limpar a graxa sobrante con moito tino.
Unha vez infladas cólganse preto dunha lareira para secalas lentamente.
Estas imaxes amosan o traballo.

 

 

As Chocas e os Sacos
Nun mundo rural, agrario por definición e vencellado a Terrá e aos ciclos naturais, nada é desaproveitábel, sempre se usou absolutamente todo para fins concretos.
Dese xeito, sacos de transporte, cordas, adivais, chocas, axóuxares, pelicas, colchas, etc reusábanse para o Entroido, dando lugar as figuras senlleiras que coñecemos hoxe,  e  rematado voltaban ao seu uso cotián.
Malia que boa parte da economia rural baseábase no gando, chocas e axóuxares usábanse para localizalo ou para dirixilo, por mor do seu abandono moitos destes elementos de uso básicos esquecéronse e desbotáronse rematando no lixo.

Hoxe para recuperaren os Entroidos Tradicionais vémonos na obriga de voltar a mercar o que un día se tirou: chocallos e axóuxares para que volten a lucir fachendosos cos novos choqueiros e choqueiras.

Os sacos conseguímolos en Cafes Las Candelas ( moitas grazas ) e os chocallos en calquera feira do País.

O noso DEGORO é non só RECUPERAR as nosas tradicións senón servires de exemplo do que se pode facer se se quer facer. Se nós podemos, outros tamén.

Por iso procuramos DOCUMENTAR e explicar os procesos e facilitar toda a información para que non só se sinta orgullosa e participe a xente de Paderne, senón tamén SE SUMEN os de fóra.

Sirva de exemplo para RECUPERAREN outros Entroidos esquecidos ou semiesquecidos, ou inventar novos baseados nos tradicionais. Porque todo Entroido tivo algún dia unha orixe.

p.s. Os petrucios dirannos que non temos nin idea , e que non era así , que era asá,  iso serviranos para recuperar máis datos do que facían.
ps.2  Antonio da Longra , 84 anos: “En Samede levaban as vixigas unha vez secas de caretas. Abríannas por detrás ou onde as ataban facían máis grande o burato”.

ps.3 As vexigas conseguímolas no Matadoiro de Betanzos.

Facemos ruido con

Eres benvido, sempre e cando veñas vestido de Entroido Tradicional.

Participación e Respeto

Fabricación dos Traxes de Entroido na casa a ser posibel con elementos tradicionaie e naturais

Vale; Roupa vella, mascaras feitas na casa,etc.

Non vale: Disfraces chineses, plasticallos,etc.

« Older posts Newer posts »

© 2018 Entroido de Samede

Theme by Anders NorenUp ↑