Samede é un lugar da parroquia de San Xulián de Vigo, no concello de Paderne, perto da Coruña. Un día, na escola de Paderne mandaron os nenos facer unha pescuda sobre tradicións e festas nos seus lugares. Un deses nenos era o fillo de Emi, unha muller de Samede que o acompañou  a falar coa xente maior. Daquela descubriron que alí antigamente se celebraba un entroido de moita sona na contorna. Era a maior festa do ano e participaban todos os veciños, e mesmo viña moita xente de fóra para velo. Alén do traballo escolar, Emi seguiu pescudando e preguntando os velliños, que, ilusionados, contaban todas as que argallaban polo Entroido e o moito que significaba na vida do lugar. Contáronlle que a xente vella que eles coñeceron xa celebraban o entroido e que  deixara de celebrarse no ano 1961, por mor do despoboamento e dun crego pouco tolerante que os ameazaou coa excomuñón se o seguían a celebrar. Un dos actos principais dese entroido era a Muñeira Cruzada, un baile que se bailaba o luns de Entroido no que se xuntaban polo menos dez parellas, ou se non, non se bailaba.

Contando coa colaboración de numerosos veciños e da Asociación Cultural Son d’aquí, no Entroido de 2017 volveuse a bailar a muiñeira cruzada.

Vicente da Portela, como informante, foi quen de guiar de novo aos bailadores que quedan no núcleo de Samede, en Paderne, e aos da Asociación Son d’aquí, que lles serviron como acompañantes, para sacalos puntos da muiñeira cruzada, unha danza do entroido recuperada tras case sesenta anos e que xa só os maiores lembran.

O traballo de documentación feito por Emilia Cagiao, incentivado polo veciño Pedro de Maceira, permitiu  ver de novo un baile propio dun lugar que sempre presumiu de festeiro e que ten figuras propias de entroido, como as máscaras, os carolos ou o Policarpio, o espantallo entronizado como imaxe desta festividade.

Os veciños de Samede queremos recuperar uns costumes que nos deran sona, no pasado, en toda a contorna.

Ven e participa!