ORIXE

ORIXE

Percorrido polas airas o luns de entroido.

Pedro de Cal de Esperela aportounos as primeiras lembranzas sobor do Entroido de Paderne, cando el viña de festa á casa de Domingo Golpe, un home nado no ano 1910, que finou en 1937 á idade de 27 anos.
Antes da Guerra Civil, na casa de Golpe, en Samede, xa se vestían para saír de máscaras, Domingo ía de parella con Francisca do Vión. Fora nomeado sarxento no Exército e, segundo informou un soldado que estivo recomendado con el, morreu na guerra, sendo soterrado nun cemiterio en Teruel.
Durante os anos que durou a Guerra suspendeuse a festa, volvendo a recuperarse ao redor do ano 1944.

Músicos acompañando aos “Bonitos”

Pedro de Maceira conserva unha corneta militar que mercara seu pai no baratillo que se poñía por detrás do Liceo en Betanzos.
Foi comprada no ano 1940, cando Pedro tiña 7 anos. Aquela corneta era usada pola Comisión para anuncialo Entroido.
Antonio de Purriños era un dos que mellor a tocaba, xa que estivera no Exército e sabía facelo (que che tiña o seu aquel). Non todo o mundo sabía.
Con ela tamén podía saber a xente que viña de lonxe por onde andaba a comitiva, xa que percorrían toda a aldea, incluído Donín.
O día das Máscaras case sempre eran os Contrarios os que tocaban a corneta para quitárllela a xente coas Máscaras.
O día do Enterro do Entroido tocábase antes de dar comenzo o espectáculo.
Foi unha sorte que Pedro a conservase e nos permitise usala de novo, despois de tantos anos.

Pedro de Golpe, Esther de Faústo, Divina de Faústo e Gabriel da Portela

En Samede, o San Xulián (patrón da parroquia) e o Entroido, eran as festas principais.
Organizábanas os mozos que acababan de cumprir o servizo militar no ano anterior.
Despois da Guerra, licenciaran aos da quinta do 42; meu pai, Jose de Calaza e outros mozos da aldea tocoulles volver recuperala festa.
O Entroido era unha festa moi leda, que desfrutaban moito os veciños de todas as idades.
Durante todo o ano preparábanse ás agachadas os uns dos outros. Xuntábanse nunha bodega na casa de Purriños e alí era onde se argallaba todo.
Durante catro días, de domingo a mércores, esta pequena aldea do Concello de Paderne enchíase de xente das aldeas estremeiras.
Os días do Entroido só se traballaba polas mañás nas labores do campo: sachar o trigo e collela herba para as vacas eran as tarefas principais. A tarde adicábase o Entroido.
-Sempre houbo mellor Entroido en Samede que en ningún sitio! Viña xente de Ambroa, Cela, Mantaras, Coruxou…
-Pero se… se polo Entroido aquí! É un sitio pequeno quero dicir eu… que era unha aldea, pero xuntábase xente… Madre de Deus!
O domingo era o día máis cativeiro! O luns, era o día das mascaras! Hai o luns!
O martes igual que o domingo e despois o mércores era o día do enterro que era xaaa… Había xente, mecago en dez!
Había xente que viña só por ver o tío Juanito e mailo cuñado. Facíano tan ben que o que non os coñecera pensaba que choraban de verdá! Facíano tan ben, tan ben…
No ano 1955 foran vicarios: Antonio da Longra, Pedro de Maceira, Jose Juan de Gómez, Pepe dos Carballos…
– E mira ti… quedamos vivos dous sós! e eramos un lote deles!
Esta entrada vai adicada a dúas marabillosas persoas que faleceron recentemente e que nos deixaron fermosas historias, desas que o escoitalas, fante viaxar ata o recuncho máis pequeno e segredo do noso Entroido. GRAZAS

Carmen de Purriños e Juan de Beade

Acompañaban ao grupo das Máscaras, un home que levaba o ramo ou estandarte; Benito de Sánchez foi que o fixo moitos anos, aínda se lembraba a facelo. Quen o levara tiña que correr cos gastos, xa que lle poñían: rosquillas, tabaco, unha botella de coñac… Adornábano moito! O home encargado do ramo ía vestido de branco, igual que o que levaba a bandeira nacional.
Antonio tamén foi unha vez co ramo ou estandarte, pero gustáballe máis ir de Carolo ou cos Vixigueiros, que o pasaba mellor.
– Bueno muller… Ai Deus!
O traxe tíñao na casa: pantalón e camisa branca da marina, a faixa era como lle cadraba.
-Eu, levaba unha bufanda!
Entón ti sempre fuches co ramo, nunca de Vixigueiro?
-Pouco me gustaba ir a mín de… Farandulo!
A min gustábame máis escoitalos, porque había moi boa xente! Ánxel da Pena, meu pai, Cidro da Longra, Andrés de Maceira bueno, ían todos…
Ramón de Golpe e de aí xa non había tantos, despois dos rapaces novos Vicente da Pena era moi bo e Antonio do Vión… idem dos tres cuartos.
Despois había varios rapaces máis, pero non tan firmes coma eses.

Luns de Entroido

Isabel da Pena
-Has vir con nós, has vir con nós e has vir con nós!
-Home non vou! Eu non sei… tería 10 ou 11 anos… por aí tería! Puxéronme un pantalón curto, non sei de quen era…
-Ti vés de somnámbula!
-Ti mira o que argallaban! Eu ía para adiviñar! A cousa que che digamos sempre da segunda ves é a verdadeira…. daquela eu adiviñaba sempre!
-Eu iso… o do carajo do Paco de Moreira…. ven, ven e ven… E meu pai e máis miña nai….
-Vai muller vai, vai! Co vai muller vai… miña madriña tamén lles axudaba, a nai de miña nai, e fun! Despois eu faltábame de rir! A xente xuntábase derredor, porque que a mín levábanme onde sentarme!
Pasouse moi ben! En Samede practicamente vivíase iso todo!
Quixéronme levar de máscara… daquela debía ter 17 ou 18 anos, por aí. Antonio de Calaza pelexou o demo… non fun!
– Meus pais bailaban a muiñeira cruzada, eran moi novos… terían corenta e… corenta e algo tíñanos cando me casei eu! Daquela traballaban coma burros!
Levaban unhas saias coma visos, algunhas eran de baeta, como lles chamaban… algunhas eran negras tamén! pero outras eran… non me acordo como lles chamaban! Téñolles feito eu, teño feito… que abrigaban moito. Téñolles feito saias, corpos coma visos, con ondas por baixo.

María do Bión i Eliseo do Curral (ano 1941).