O noso Día Grande
Pasados xa os “apuros” derivados da celebración do noso “Día Grande” no Entroido de Samede toca agora facer balance do que este día deu de sí pero sobre todo tocanos amosar un inmenso agradecemento a moita xente. En primeiro lugar quixeramos agradecer profundamente a tod@s @s que dedicaron e dedican tempo, esforzos, enerxías e tamén cartos para que este Entroido siga a estar moi vivo e que poidamos seguir amosándoo polo mundo adiante. Nunca teremos verbas dabondo para dar as grazas a tod@s eles. Tamén queremos e debemos agradecerlles a todas as persoas maiores de Samede e arredores que coas súas aportacións e confidencias axudaron a que hoxe poidamos seguir a súa estela e tratar de ser o mais fieis posible ao que eles fixeron e viviron fai anos. Moitas grazas tamén a aqueles que aportaron o seu graíño de area mercando unhas rifas, facendo acto de presenza en calquer acto dos que organizamos ou dándonos unha mostra de apoio á nosa labor. E tamén, e sobre maneira, a tod@s @s que viñestes participar con nós neste día 01 de marzo ao campo da festa de Samede para, un ano mais, celebrar o noso Entroido, bailar a Muiñeira Cruzada, aguantar as bromas dos nosos vexigueiros ou contrarios, percorrer parte da aldea con nós, e como non tamén probar as marabillosas orellas e rosquillas da nosa querida Otilia (non nos esquecemos das empanadas… unha auténtica delicia): os que quixestes rir e participar co “Enterro do Policarpio” e todos os seus personaxes, ou simplemente compartir un pouquiño de pulpo, de churrasco, ou a deliciosa carne ó caldeiro que nos prepararou a Pulpeira Constante (moi boa xente)…
En fin, poderíamos extendernos infinitamente cos agradecimentos, pero todo se podería resumir sendo agradecidos en xeral con todos aqueles que viven, disfrutan, loitan, comparten e defenden as tradicións, a memoria dos nosos antepasados, a unión, a colaboración e a solidariedade; xentiña coma ti que vibra participando e que vibrades sendo conscientes de que xuntos podemos facer grandes cousas.
Viva a unión carallo!!!
P.D.: E moitas grazas a todos @s fotógraf@s profesionais e aficionados que compartiron con nós as imáxenes que podedes ver deseguido.
Entroidízate con Samede!!!