O Entroido de Samede leva a Muiñeira Cruzada á XV Edición da Reunión das Máscaras Antropolóxicas de Tricarico (Italia).

O Entroido de Samede leva a Muiñeira Cruzada á XV Edición da Reunión das Máscaras Antropolóxicas de Tricarico (Italia).

O Entroido de Samede participou os días 4 e 5 de setembro na XV edición da Reunión Internacional de Máscaras Antropolóxicas (R.I.M.A.) de Tricarico, na rexión italiana de Basilicata, levando unha vez máis a nosa cultura e as nosas tradicións a un encontro internacional.

Un dos momentos máis especiais da viaxe foi a interpretación da Muiñeira Cruzada na praza principal de Tricarico, que compartimos no vídeo que acompaña esta publicación. Unha oportunidade para amosar fóra de Galicia unha danza propia do Entroido de Samede, recuperada grazas ao traballo de investigación e transmisión realizado pola nosa asociación e polas persoas que conservaron a súa memoria.

Músicos, danzantes e vixigueiros representaron a nosa tradición nun encontro que nos permitiu convivir con grupos procedentes doutros lugares, coñecer outras manifestacións do entroido e das mascaradas e compartir experiencias arredor da cultura popular.

Queremos agradecer especialmente á Pro Loco Tricarico a invitación, a organización do encontro e o excelente trato recibido durante a nosa estancia. E, por suposto, a todas as persoas da asociación que fixeron posible esta participación co seu esforzo, ilusión e compromiso.

Esta actividade conta co apoio da Deputación da Coruña, dentro do programa de subvencións destinado a entidades culturais para o desenvolvemento de actividades de promoción e difusión da cultura tradicional. Este apoio contribúe a que poidamos continuar coa nosa labor de conservación e divulgación da Muiñeira Cruzada e do Entroido de Samede, levando o nome de Samede, Paderne, A Coruña e Galicia a encontros culturais dentro e fóra do noso país.

Deixámosvos o vídeo dun fragmento da actuación e unha selección de imaxes dunha experiencia que quedará, sen dúbida, na memoria do Entroido de Samede.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *