O Entroido de Samede, presente un ano máis no Desfile de Entroidos Tradicionais de Galicia

O Entroido de Samede, presente un ano máis no Desfile de Entroidos Tradicionais de Galicia

O Entroido de Samede participou un ano máis no Desfile de Entroidos Tradicionais de Galicia en Santiago de Compostela, unha cita que reúne algunhas das manifestacións máis representativas do noso patrimonio cultural e que permite amosar a riqueza e diversidade dos entroidos tradicionais galegos.

Para a nosa asociación é sempre unha oportunidade especial para representar a Samede e Paderne e compartir co público os nosos Bonitos, Vixigueiros, música e, moi especialmente, a Muiñeira Cruzada, unha danza propia do noso Entroido recuperada grazas á memoria dos nosos maiores e ao traballo desenvolvido durante estes anos.

Queremos agradecer a Turismo de Galicia – Xunta de Galicia a invitación e a confianza depositada un ano máis no Entroido de Samede para formar parte deste encontro. A celebración deste tipo de actividades resulta fundamental para dar visibilidade, conservar e transmitir ás novas xeracións un patrimonio cultural que segue plenamente vivo.

Este ano, ademais, vivimos unha circunstancia especialmente significativa para a nosa asociación. Por primeira vez fomos capaces de participar simultaneamente, durante a mesma fin de semana, en dous grandes encontros culturais: o Desfile de Entroidos Tradicionais de Galicia en Santiago de Compostela e a Reunión Internacional de Máscaras Antropolóxicas de Tricarico, en Italia.

Entre ambos os desprazamentos mobilizamos máis de 40 participantes, formando dous grupos independentes de músicos, danzantes, máscaras e Vixigueiros. Un fito que reflicte o crecemento do Entroido de Samede, a implicación das persoas que forman parte da asociación e a capacidade acadada para divulgar a nosa tradición tanto en Galicia como fóra das nosas fronteiras.

Grazas a todas e todos os que o fixestes posible e, especialmente, a Turismo de Galicia – Xunta de Galicia por seguir apostando pola promoción dos nosos entroidos tradicionais.

#EntroidoSamede #MuiñeiraCruzada #EntroidosTradicionais #CulturaGalega #TurismodeGalicia #XuntadeGalicia #Paderne #entroidizateconsamede

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *