O POLICARPIO

O POLICARPIO

            Roubaban o pino!

– “Eu teño axudado a ir buscalo pino… Facíamos unha xuntaza de noite, despois saíamos de ahí monte abaixo, chegababamos a un sitio e os que puideramos co pino…  non sabes? Nin sabíamos de quen era nin nada! Namais deciamos: Este pino ben se pode con él! Conviña traelo o máis grande posible porque despois vendíaselle ó maderista e eses cartos ían para axuda da festa, porque había que facelo Entroido mailo San Xulián. Temos ido moitas veces á de Grandal! Xa logo te emborrachabas o ir buscalo pino, algún xa viña colgado no pino! Unha vez Benito de Podrencio…. (era un eucalipto que viñeramos a de Jose Antonio de Grandal), ahí embaixo. Benito xa non se tiña coa chispa e viña colgado no pau!

            Bueno… bueno! Dicia teu irman que un ano, Jose Antonio de Grandal colleuvos cortándolle un pino.

Non, non nos colleu! Foi ver o sitio onde estaba plantado e como faltaba deuse conta que llo foramos cortar, pero non fixo mal ningún!

            – Pero despois  mandouvolo devolver e xa non se puido vender.

– Porque claro, vendías dous pinos nunha casa  e con ese diñeiro facías a festa!- Claro, claro! Valía máis daquela a madeira que hoxe. Non había outra cousa! – Ademáis,  mira vouche decir unha cousa, daquela había poucos pinos, sabes? Había… porque isto foi no 50! Dunha vez, fomos roubarlle-lo pino ós de Vigo, porque había moita rivalidade e competencia con eles. En Samede non houbera entroido, ou non tivo moita potencia, os da casa e… ó carallo! De fora non veu ninguén. Como tamén había entroido en Vilamourel, decidimos facer algunha falcatruada. Onde está a casa nova das Condomiñas, enfrente estaba a taberna e entre as dúas, por alí abaixo había un camiño, que ainda o hai! Alí, tiñan posto o entroido, e dixemos uns cuantos: Vámoslles roubar o entroido ós de Vilamourel, levámolo pa Vigo e o de Vigo, trouxemolo para Vilamourel! Fómoslle cortar un pino a Pedro de Maceira. Non quero que o sepa! Eramos: Milio, Vicente da Pena, eu, e o outro era Jose Juan de Gómez, pero enterouse o pai…  mecajo´en deus… choraba! Andibo en busca del, xa non se presentou! Desapareceu e á hora que quedamos de xuntarnos, estabamos os tres solos. -Pois imos o mismo! Levavamos unha escopeta. Ante a miña sorpresa díxome: – Home claro!  Porque había que facerlles frente, que remedio! Paco das Condomiñas tiña un can que de noite non había deus quen se acercara a él! Viña o can polo camiño arriba arrimado, pegueille un tiro, así por encima, a altura das rodillas, anque viñera xente que non lle dera, non! O can desapareceu polo medio das follas, a luz que acenderon, porque acenderon unha luz cando o can ladrou, tamén se apagou. E eles os dous cun tronzón, a altura que lle cadrou, cortaron o pino pa lle quitar o entroido, porque era moi grande, non podiamos levalo ó lombo, era un pino moi grande! Cortámoslle as ataduras e alá vamos pa Vigo. En Vigo, durmían tres ou catro no horreo de Narciso, vixiaban as leiras todas por alí. O entroido estaba posto no medio das leiras, onde teñen os invernadoiros os de Muiñeiro… Por alí estaba. Nós viñamos de Vilamourel, fóramos por Lagareu, cortamolo pino na de Maceira, que levábana eles, pero non era deles, era de Ansede. Un pino que podiamos ben con él e máis co “santiño” e alá vamos polo medio das leiras abaixo. Había nabos, chegamos alí caladiños, fixemo-lo furado, que había que poñer o pau dereito e quitar o outro. E dixo Vicente: -Oes, según imos, imos pola casa de meu cuñado que ten o sombreiro colgado frente a cuadra e poñémosllo ó entroido! Aquelo foi!… Porque os de Vigo non sospeitaron dos de Samede. Enfrentáronse cos de Vilamourel xa que o entroido tiña posto o sombreiro. Aínda hoxe non se soubo quen fora!

            Chamábanlle “Policarpio” ó boneco que un mes antes do Entroido se poñía no cruto dun pino ou eucalipto que fose o máis alto posible. Normalmente poñíase no lugar do Pinche ou no cruceiro da Barreira, para que o poidesen ver todo-los veciños e viandantes, anunciando así que o Entroido estaba chegando.

             Tiña unha cabeza grande de madeira, coma se fose dunha persoa. Gardábana dun ano para outro e cada ano vestíano dun xeito distinto.

O Policarpio non faltou á sua cita entroideira deste ano 2019

            Nós, fieis ao que se facía daquela tamén fomos a buscar un bo eucalipto dónde colgar o Policarpio. Xuntos fomos ó monte, armámo-lo boneco e deixámolo colgado onde todo o mundo o pode ver. Pero o mellor de todo é a sensación de camaradería que un ten co resto. Xuntos non hai quen nos pare!!!

Grazas a Xosé M. Salgado polas fotografías.

4 pensamentos sobre “O POLICARPIO

  1. Gracias a tod@s por facer posible este entroido, en especial a Fernando por encargarse da web, o fotógrafo José Salgado por acompañarnos e cedernos as imaxe, pero sin v@s non sería posible.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *