Entroido de Samede

"Sempre houbo mellor Entroido en Samede que en ningún sitio!"

Author: Miluca de Moreira

“OS CAMPANONES” QUINTANILLA DE YUSO

Resulta rechamante a estrana data en que se celebran “Os campanones” de Quintanilla de Yuso. Ata onde lembran os máis maiores, esta mascarada celebrouse «sempre» o domingo de Pascua ou de Resurrección, ao remate da Semana Santa. Este ano o párroco, adiantou a misa ao sábado e houbo que adaptarse.

Quintanilla atópase nun val inmediato ao río Eria, a 1.072 m de altitude, forma parte do municipio de Truchas. Nós chegamos a pequeña aldea preto de mediodía e sorprendeunos as poucas trazas de festa que se observaba. Recomendáronnos ir xantar a Troitas ( cabeza do concello), no único restaurante que hai, pero totalmente recomendable. A benvida ao pobo de Truchas como tal dáa unha ponte romana chamada Os Sapos, sobre o río Eria, probable paso dunha vía mineira cara ás explotacións do Teleno e cara ás canles que levaban auga ás Medulas e que se conserva practicamente enteiro. Como elemento de interese histórico-artístico tamén destaca a igrexa de Truchas, que data de 1736 (século XVIII), ten espadana aguda e atrio con cruceiro de roca arenisca. Está dedicada a Santa Colomba.

Respecto á orixe do seu nome, son moitas as lendas existentes, que se foron transmitindo de forma oral, sen que na actualidade póidase constatar documentalmente. Unha delas conecta devandito nome co de “druídas”, cuxo orixe data de épocas prerromanas, non debéndose relacionar, por tanto, coa existencia das prezadas troitas que discorren polos seus ríos. “Druídas” era o nome dos antigos sacerdotes galos, organizadores das tribos celtas; este termo evolucionou lingüisticamente en “ truitas”, pasando posteriormente a converterse en Troitas. Disto despréndese que este pobo puido tomar o seu nome dos habitantes da devandita rexión durante a dominación celta e mesmo en época anterior. Ademais, conta a lenda que á comarca denomínaselle Cabrera porque ao parecer os cristiáns, durante a Reconquista, para defender a zona, empolicados nos cumes e ante a presenza dos exércitos árabes, ataban ás súas cabras teas encencidas nos cornos, e lanzábanas ladeira abaixo, co cal os árabes se asustaban, e abandonaban o sitio. Cando logo reflexionaban acerca do que podería ser aquilo que lles escorrentaba, e ao ver as pegadas de pezuñas na zona, chegaban á conclusión de que eran cabras, e afirmaban: “Cabra era”.

“Os Campanones”. O nome de Campanones ten a súa razón nas campás, ( cencerros, esquilas e tupios), que estes personaxes portan colgados para maior estrondo e axitación dos raparigos. Cinco mozos encarnaban os personaxes de: señorita, señorito, vella, vello e zancudo, o resto revestíase de campanones ata onde chegaban as roupas e os elementos dispoñibles para non ser recoñecidos polo resto dos veciños. Peles de animais e pezas grandes, usadas e antigas constituían a principal fonte para revestirse. O normal é que se pintasen a cara ou se enmascarasen detrás dunhas caretas ou máscaras fabricadas por eles mesmos. Non había diñeiro nin lugares para compralas. A diversión pasaba, moitas veces, pola persecución, con paus e vejigas, aos nenos e ás mozas, que tendían a correr ou a esconderse nas casas por temor, aínda que en ocasións eran sacadas polos Campanones para correr detrás delas. En contadas ou moi raras ocasións gastaban bromas aos veciños do pobo, á fin e ao cabo, deles dependía a cea da noite.

Hoxe en día, perseguén ós rapaces con ramas de acivro.  Este ano, como novidade, recuperouse o personaxe do zancudo, que saíu por última vez nos anos 50 do pasado século  e que a Asociación Cultural San Yusto resucitou para a edición de 2018.

Menos carreiras dábanse os que se revestían do característico campanón de caperuzo, que levan unha careta realizada coa cortiza do bidueiro, que en Quintanilla de Yuso denominase  “cartaloxo”. Tampouco corrían o vello, a vella, o señorito e a señorita, pero disfrazábanse de modo que non se lles recoñecese a ningún.

Fotografías: Fernando Berani

Os campanones cubríanse os corpos con peles de ovellas ou de cans, capotes etc. e para cubrir a cara e a cabeza fabricábanse caretas ou caperuzas con buracos para os ollos, con aparencia de lobos, raposos, osos e outros animais; ou de calquera cousa que puidese asustar (monstros). Os rostros que quedaban vistos habitualmente tinguíanse de negro, aínda que se tapaban parcialmente con tiras de papel, tea ou de pel que colgaban da cabeza.”

Ata a década dos 80 do pasado século “Os Campanones” celebráronse de forma ininterrompida e desde os 90 en todas as décadas non fallaron á tradición. Nos últimos anos a Asociación Cultural San Yusto recuperou algúns dos vellos personaxes, que os anos e o despoboamento sepultaron, pero que aos poucos volven facer das súas.

Se vos apetece ver mais fotografías deste peculiar Entroido podedes facelo na páxina de Fernando Berani (fai click aquí).

 

 

AS BONITAS DE SANDE

    “Os científicos dín que estamos feitos de átomos pero a mín contoume un bo amigo que estamos feitos de historias”

A historia que vos conto hoxe, sucedeu durante o desfile en Valdesoto.

Detrás de nós,  desfilaban “As Bonitas de Sande”.

Pasabamos preto dunha casa, onde unha nena duns cinco ou seis anos contemplaba o desfile. De repente, Antonio Sousa, das “Bonitas” o vela deu un chimpo,

saltando un pequeno valo pra ir correndo onda a nena que, saíu disparada cara a casa, sen decatarse que Antonio fracasara no seu intento ó caer na camposa.

Moito me rín ollando aquela escea e pensei: “Deus é xusto”, pensando no susto que acababa de levar a nena. Fernando Berani, sempre atento o que poida ocorrer, foi quen de retratar este intre.

Con sorpresa, atopei aquela nena máis adiante xunto có seu irmán, na beira da estrada ollando o desfile. Acheguéime a preguntarlle si se  asustara có acontecido antes.  Non me decatei que eu tiña a cara tapada cun pano, xa que ía caracterizada de “Carolo” toda vestida de branco.  Ela preguntoume:

– Ti quen eres? Destapei a cara e antes que puidera contestarlle, seu irmán díxolle:

– É unha noiva! Non a ves?

Sorrindo pensei: Bendita inocencia!

“A miña tarefa foi a dunha simple  tecelá, non merezo o mérito do algodón nin do liño”
ANTHONY MELLO.

XORNAES DE MAZCARAES D´IVIERNU 2018

Entroido de Samede foi convidado a participar na Mascarada. Aceptámolo reto sin expectativas, con ilusión e moitas ganas de disfrutar da experiencia. Os Sidros e Comedies puxéronnolo doado, facèndonos sentir “ese” algo especial, canta xente explèndida atopamos!
Non poderiamos atopar mellor lugar para iniciarnos nesta aventura, porque aínda que cometemos erros propios da inexperiencia, o voso apoio fixo que disfrutasemos coma nenos do desfile.
Temos a sorte de contar no grupo con Fernando Berani, él sabe cómo contar historias a través da súa fotografía. Este è o seu resumen deste desfile. Gracias!

Se queres ver mais fotos de este desfile podes facelo no video que tes aquí abaixo.

DANIEL MALLO

DANIEL MALLO

Aproximadamente no ano 46, os contrarios ás máscaras contrataron a Daniel Mallo, ó acordeonista.  Xuntaron a un grupo de rapaces, As máscaras pequenas, lle chamaban! Formáranse dous equipos. Todo o mundo se foi cós pequenos, as máscaras grandes non levaran a ninguén.

-As outras máscaras foron soas polas airas, uns ían diante, outros atrás e como o Mallo tocaba tan ben…

-Dicía Cidro do Pinche:

– Arrea Daniel que perdemos! Porque o Mallo… Mecago en dez! Era un dos mellores!

– A orquesta do Mallo veu pos contrarios, pagáronlle eles?

-Foran os vixigueiros, foran os vixigueiros… que dixeron:

-Nós habemos traer aquí!

-Arrea Daniel!

Gabriel da Portela era un home alto, delgado, de moito porte e foron el máis Oliva a súa dona montados na besta coa bandeira. Aquela besta era moi mala, vía  xente descoñecida e xa pateaba soa, malísima! Tiña un xenio…

Saíron da casa polo medio das leiras abaixo, chegaron a corredoira, saltaron para o outro lado cara a casa de Diego e a xente toda aplaudindo. Si, si, eles ninguén sabía o que tiñan preparado ninguén o sabía e apareceron así de sorpresa.

-Pero, disfrazados?

-Levaba unhas botas altas que debeunas comprar para iso! Unhas botas de coiro altas ata o xeonllo, un pantalón branco así con, como se chama… con polis, tiña botóns así por fóra do… deses do exercito francés e a bandeira… Estaba bonito aquelo!

-Ela tamén ía disfrazada?

-Os dous! Porque eles fixeron aquello de baixar coa besta, foron ata o cruceiro da Barreira ou así e marcharon

porque a besta estaba cabreada… mecago en diola! podía facer algo, pero marcharon e pouco tempo voltaron. Andaba a xente toda atrás deles!

As máscaras pequenas, ensaiaron a bailar unha pieza que tocaba o Mallo co seu acordeón, no estribillo facía como se cantase un galo, kikiriquíiii… facíao co acordeón, pero soaba talmente coma un galo: as máscaras ían baixando pouco a pouco ata quedar todos en cuclillas, para incorporarse novamente o són do acordeón e seguir bailando.

Unhas bailaban mellor que outras, pero cando se xuntaban a bailar… Era unha cousa das máis bonitas que había na aldea!

-Bailaban moi ben, bailaban mellor cós grandes, foron ensaiar coño!

– Ían preciosas, as máscaras pequenas non levaban sombreiros só cintas de cores, ían bonitas, bonitas….

-Fun de máscara dos pequenos con miña irmá Olga. Tivemos que aprender nun día a muiñeira pero, fixemolo moi ben!

Anxel do Curral máis non sei se foi Dominga dos Carballos, a irmá da nai de Tucho, eses dous me parece que foron os guías. Despois fora Odulia (Deus lle perdoe) me parece que foi miña irmá, aí non estou segura, pero pareceme que si. Odulia e non sei quen máis, pero fixerono… Ese ano, foi moito ano de entroido!

Maruja de Andrés foi por primeira vez de máscara cos pequenos, tiña 16 anos, ó ano seguinte xa foi cos grandes, aos 19 casou e xa non volveu a ir de máscara.

-E haberá fotos desas?

-Non hai, ninguén as ten!

Arturo da Barreira de director de orquesta, moi ben o facía! Marcando quen había de saír. Era dos contrarios ás máscaras, ese ano foi de director da súa orquesta, nós faciamos un grupo grande, ruído faciámolo tamén, cunha palleta esgallada e cousas así. Bueno,  así e todo o punto do saxofón tíñao furado, tiña os seus teclados coas súas tapas de cervexas, o brochiño por diante para que tapara o burete máis pequeño e bueno, notábase cando tapabas un burato algo cambiaba.

– Aí aparecía… Francisco de Gómez tocando no baixo, Arturo da Barreira de director da orquesta e os outros compoñentes, que eu tamén era un! Eu tiña un saxofón. ( Paco de Diego)

-Que me dis! Pero – bueno…

-Si,si… non sei quen era o do trombón!

-Francisco de Gómez era o do baixo…prum, prum, prum…

-O saxofón feito de budio, de tres pezas que o fixera eu, tiña furados coa sua palluca e tocaban malamente, pero tocaban, tamén o trombón tocaba! Tamén tiña unha boquilla, unha palleta de canabeira.

Antonio da Longra argallou un instrumento. Colleu un balde atravesoulle un pau por enriba que sobresaía para os lados, tensou unhas cordas e xa facía ruido, chamoulle “o contrabalde”.

O asunto da música, era que dixeras onde estabas, que fixeras ruído… Despois as voltas e mailas notas…todo era liso e llano.

– Eu ben sei que aí Arturo algo debeu coller así debaixo dun dente para lles facer fronte as máscaras, eu non sei se tiveramos que poñer algo para pagarlle o acordeonista, ó Mallo. E claro, eso era o que andabamos con el e el no medio de nós uuuff …

Formáranse dous equipos. Todo o mundo se foi cós pequenos, as máscaras grandes non levaran a ninguén, foron soas.

 

MARUJA DE XACOBE

“A vida non é o que un vivíu, senón o que un lembra e como o lembra para contalo”
(GABRIEL GARCÍA MARQUEZ)

Cada vez que alguén da nosa comunidade falece, unha parte da nosa historia tamén se perde. Por iso é tan importante recuperar as historias que teñen os nosos petrucios para contarnos, porque, quen non coñece a súa aldea de orixe, xamáis atopará a aldea que busca.
Hoxe, a nosa publicación vai adicada a celebrar a vida de “Maruja de Xacobe” que onte, faleceu. Deixounos unha gran pegada por todo o que aportou para recuperar o Entroido, e coa súa historia, permanecerá na nosa memoria para sempre.

-Eu fun de “Carolo” con Manolo de Culasa (en paz estea). Os Carolos ían no medio. Eu, vouche contar como fun vestida e como ía Manolo: levei unhas enaguas antigas brancas, un blusón branco e a cara tapada. Ninguén sabía quen eran os Carolos ata que se acababa a muiñeira. Levei un colar de tres voltas, feito de mainzo, un grao branco, un amarelo e un reino.
– Sabes como eran ? Bueno, pois levei un colar de tres voltas, fixémolo “Maruja de Culasa” máis eu.
-Fixémolo colar! Argallámolo!
-Fomos vestidos así: mandil branco e todo de branco. Manolo: un pantalón branco e camisa branca. Bueno muller… ai Deus! Aínda recordo cando chegamos a Donín… porque ían as máscaras a Donín! Cando chegamos a Donín, facía sol, máis saraibaba! Que me acordo, siiii…veu un chaparrón, unha negrura e un chaparrón de saraiba, pero abreu o sol e bueno…. pasámolo bomba muller!

“A boa xente convertese en estrela que ilumina a quenes camiñamos detrás”. D.E.P.

Chegou o Policarpio


Un mes antes do Entroido os mozos da aldea xuntábanse para saír de noite a roubar un pino ou un eucalipto o máis grande posible para colgar nel ao Policarpio. Todos lembran ese momento con moita ledicia polo ben que o pasaban.

Nós hoxe xa non temos necesidade de ir roubar o eucalipto a ninguén, tampouco somos moitos para facelo, pero aínda así xuntámonos un pequeno grupiño de vecinos cheos de ilusión para manter viva esa tradición e ires buscar o pao dónde máis tarde colgaríamos ao meco do Policarpio.

Este é un ano especial xa que grazas á colaboración desinteresada de Luis Otero. Fixo un gran esforzo e traballou a reo para facer a cabeza do Policarpio, de madeira tallada, semellante á que se lle poñía antigamente.

Hoxe era xusto o día de colgalo enriba do eucalipto de 12 metros que trouxemos dun monte de José Antonio. Pola mañá Javier e Tucho adicáronse a facer o burato coa pala dun tractor, e máis a man, na leira de Francisco de Calaza. Elixiramos esta leira porque é onde todo o mundo ten posibilidade de velo alí colgadiño.

Xa pola tarde xuntámonos na leira para rematar de vestilo Policarpio, amarralo ao eucalipto e subilo ao máis alto.

Non foi tarefa doada, pois ademais da altura do pao, o considerable peso do meco dificultou o chollo, mais entre todos fomos quen de plantalo, non sen unha boa cantidade de risas de por medio. A xente pasaba nos coches e paraban a admirar ó Policarpio, quen por certo, está ben documentado…

Unha vez conseguido o obxectivo quixemos darlle unha derradeira estocada o día botándolle uns foguetes para anunciarlle a toda a aldea que comenzou o Entroido.

Dámoslle un agradecemento especial á Pirotecnia Rocha-Areas pola súa colaboración.

LUMEEEEE!!!!!

Eres benvido, sempre e cando veñas vestido de Entroido Rural Tradicional.

Participación e Respecto

Fabricación dos Traxes de Entroido na casa a ser posíbel con elementos tradicionais e naturais

Vale; Roupa vella, mascaras feitas na casa,etc.

Non vale: Disfraces chineses, plasticallos,etc.

 

Orixe do Entroido de Samede

Pedro de Cal de Esperela aportounos as primeiras lembranzas sobor do Entroido de Paderne, cando el viña de festa á casa de Domingo Golpe, un home nado no ano 1910, que finou en 1937 á idade de 27 anos.
Antes da Guerra Civil, na casa de Golpe, en Samede, xa se vestían para saír de máscaras, Domingo ía de parella con Francisca do Vión. Fora nomeado sarxento no Exército e, segundo informou un soldado que estivo recomendado con el, morreu na guerra, sendo soterrado nun cemiterio en Teruel.
Durante os anos que durou a Guerra suspendeuse a festa, volvendo a recuperarse ao redor do ano 1944.

Pedro de Maceira conserva unha corneta militar que mercara seu pai no baratillo que se poñía por detrás do Liceo en Betanzos.
Foi comprada no ano 1940, cando Pedro tiña 7 anos. Aquela corneta era usada pola Comisión para anuncialo Entroido.
Antonio de Purriños era un dos que mellor a tocaba, xa que estivera no Exército e sabía facelo (que che tiña o seu aquel). Non todo o mundo sabía.
Con ela tamén podía saber a xente que viña de lonxe por onde andaba a comitiva, xa que percorrían toda a aldea, incluído Donín.
O día das Máscaras case sempre eran os Contrarios os que tocaban a corneta para quitárllela a xente coas Máscaras.
O día do Enterro do Entroido tocábase antes de dar comenzo o espectáculo.
Foi unha sorte que Pedro a conservase e nos permitise usala de novo, despois de tantos anos.


En Samede, o San Xulián (patrón da parroquia) e o Entroido, eran as festas principais.
Organizábanas os mozos que acababan de cumprir o servizo militar no ano anterior.
Despois da Guerra, licenciaran aos da quinta do 42; meu pai, Jose de Calaza e outros mozos da aldea tocoulles volver recuperala festa.
O Entroido era unha festa moi leda, que desfrutaban moito os veciños de todas as idades.
Durante todo o ano preparábanse ás agachadas os uns dos outros. Xuntábanse nunha bodega na casa de Purriños e alí era onde se argallaba todo.
Durante catro días, de domingo a mércores, esta pequena aldea do Concello de Paderne enchíase de xente das aldeas estremeiras.
Os días do Entroido só se traballaba polas mañás nas labores do campo: sachar o trigo e collela herba para as vacas eran as tarefas principais. A tarde adicábase o Entroido.
-Sempre houbo mellor Entroido en Samede que en ningún sitio! Viña xente de Ambroa, Cela, Mantaras, Coruxou…
-Pero se… se polo Entroido aquí! É un sitio pequeno quero dicir eu… que era unha aldea, pero xuntábase xente… Madre de Deus!
O domingo era o día máis cativeiro! O luns, era o día das mascaras! Hai o luns!
O martes igual que o domingo e despois o mércores era o día do enterro que era xaaa… Había xente, mecago en dez!
Había xente que viña só por ver o tío Juanito e mailo cuñado. Facíano tan ben que o que non os coñecera pensaba que choraban de verdá! Facíano tan ben, tan ben…
No ano 1955 foran vicarios: Antonio da Longra, Pedro de Maceira, Jose Juan de Gómez, Pepe dos Carballos…
– E mira ti… quedamos vivos dous sós! e eramos un lote deles!
Esta entrada vai adicada a dúas marabillosas persoas que faleceron recentemente e que nos deixaron fermosas historias, desas que o escoitalas, fante viaxar ata o recuncho máis pequeno e segredo do noso Entroido. GRAZAS


Acompañaban ao grupo das Máscaras, un home que levaba o ramo ou estandarte; Benito de Sánchez foi que o fixo moitos anos, aínda se lembraba a facelo. Quen o levara tiña que correr cos gastos, xa que lle poñían: rosquillas, tabaco, unha botella de coñac… Adornábano moito! O home encargado do ramo ía vestido de branco, igual que o que levaba a bandeira nacional.
Antonio tamén foi unha vez co ramo ou estandarte, pero gustáballe máis ir de Carolo ou cos Vixigueiros, que o pasaba mellor.
– Bueno muller… Ai Deus!
O traxe tíñao na casa: pantalón e camisa branca da marina, a faixa era como lle cadraba.
-Eu, levaba unha bufanda!
Entón ti sempre fuches co ramo, nunca de Vixigueiro?
-Pouco me gustaba ir a mín de… Farandulo!
A min gustábame máis escoitalos, porque había moi boa xente! Ánxel da Pena, meu pai, Cidro da Longra, Andrés de Maceira bueno, ían todos…
Ramón de Golpe e de aí xa non había tantos, despois dos rapaces novos Vicente da Pena era moi bo e Antonio do Vión… idem dos tres cuartos.
Despois había varios rapaces máis, pero non tan firmes coma eses.


Isabel da Pena
-Has vir con nós, has vir con nós e has vir con nós!
-Home non vou! Eu non sei… tería 10 ou 11 anos… por aí tería! Puxéronme un pantalón curto, non sei de quen era…
-Ti vés de somnámbula!
-Ti mira o que argallaban! Eu ía para adiviñar! A cousa que che digamos sempre da segunda ves é a verdadeira…. daquela eu adiviñaba sempre!
-Eu iso… o do carajo do Paco de Moreira…. ven, ven e ven… E meu pai e máis miña nai….
-Vai muller vai, vai! Co vai muller vai… miña madriña tamén lles axudaba, a nai de miña nai, e fun! Despois eu faltábame de rir! A xente xuntábase derredor, porque que a mín levábanme onde sentarme!
Pasouse moi ben! En Samede practicamente vivíase iso todo!
Quixéronme levar de máscara… daquela debía ter 17 ou 18 anos, por aí. Antonio de Calaza pelexou o demo… non fun!
– Meus pais bailaban a muiñeira cruzada, eran moi novos… terían corenta e… corenta e algo tíñanos cando me casei eu! Daquela traballaban coma burros!
Levaban unhas saias coma visos, algunhas eran de baeta, como lles chamaban… algunhas eran negras tamén! pero outras eran… non me acordo como lles chamaban! Téñolles feito eu, teño feito… que abrigaban moito. Téñolles feito saias, corpos coma visos, con ondas por baixo.

© 2018 Entroido de Samede

Theme by Anders NorenUp ↑